Monday 29 de April de 2024

O 9º Festival de Humor traerá á Laracha a Beatriz Rico, David Navarro, Oswaldo Digón, Rafa Durán e Celso Fernández Sanmartin


As entradas, a 5 euros por espectáculo, estarán á venda no Concello desde mañá.

O Festival de Humor da Laracha, consolidado como un dos programas culturais de referencia na primavera, alcanza a súa novena edición e ofrecerá todos os venres do mes de maio catro espectáculos a cargo de cómicos de primeiro nivel no ámbito nacional, un cartel de luxo que tamén destaca pola súa variedade para adaptarse a todos os gustos e atraer tanto ao público xuvenil como ao adulto.
A primeira cita será o día 5 con Beatriz Rico e o seu show Antes muerta que convicta, co que leva xa cinco anos de xira percorrendo toda España. A coñecida actriz e presentadora asturiana protagoniza este trepidante monólogo creado a base de gags, imitacións e chistes, mentres nos ofrece reflexións disparatadas sobre a súa vida en parella ou o seu peculiar punto de vista sobre a crise.

O venres 12 é a quenda para os Coaches de choque Oswaldo Digón e Rafa Durán, que traen á Laracha a súa última proposta: un espectáculo de comedia motivacional improvisada e interactivo no que a participación do público xoga un papel esencial.

David Navarro subirase ao escenario da Casa da Cultura o día 19 de maio. O xienense é un dos cómicos máis destacados da primeira xeración do stand up español e actuará por primeira vez na Laracha despois dunha traxectoria de máis de vinte anos no mundo do humor como actor, presentador e, sobre todo, como un monologuista de marcado estilo, característico e único no panorama nacional.

O programa concluirá o venres 26 co poeta e contacontos pontevedrés Celso Fernández Sanmartín e o seu espectáculo Contar, no que destacan as historias e memorias da tradición oral galega.
Todas as funcións do 9º Festival de Humor serán na Casa da Cultura a partir das 22:00 horas e cun prezo reducido de 5 euros. As entradas estarán á venda desde mañá martes e poden adquirirse na Casa do Concello.